A nosa concepción habitual da felicidade bebe directamente da filosofía de Descartes e condúcenos a unha forma moi reduccionista de entendela, se retomamos o que defendía Aristóteles deixaremos de identificar a felicidade cun sentimento e pasaremos a comprendela como comportamento correcto.
[A] visión moderna da felicidade déixanos nunha situación que poderiamos considerar de segmentación da felicidade. Como forma de sentir, a felicidade queda limitada a esa parte de nós que sinte, unha parte íntima e especial de nós mesmos que ninguén máis pode ver. Ó situar a felicidade no noso interior, Descartes fragmenta a íntima conexión que Aristóteles daba por suposta entre felicidade e acción. En opinión de Descartes, a relación existente entre ambas é meramente causal: actuar dunha determinada maneira lévanos a sentirnos felices –lévanos a experimentar sensacións que desembocan na felicidade-, e sentir que somos felices lévanos a actuar desa mesma e determinada maneira. Unha forma de ver as cousas que non ten nada que ver co que pensaba Aristóteles acerca da relación existente entre felicidade e acción. [En cambio] segundo Aristóteles, a felicidade consiste, en certo modo, en adoptar determinados comportamentos. É dicir, que iso de ser feliz non é só unha consecuencia de actuar dunha determinada maneira, senón que a felicidade é, en certo modo, o que impregna tódalas facetas do noso ser, da persoa que somos, non algo que teña que ver con esa pequena parte de nós que nos leva a sentila como tal. ROWLANDS, M, Todo lo que sé lo aprendí de la tele. Filosofía para el teleadicto común. Madrid, 2007.
No hay comentarios:
Publicar un comentario