NIETZSCHE
Nietzsche
leva a cabo unha filosofía autobiográfica, é dicir, convirte en reflexións
filosóficas as súas experiencias de vida.
A súa filosofía é situable –con reservas- dentro do vitalismo.
Períodos:
-
Xuventude: Defensa da arte como aquelo que
pode salvar ó ser humano. Crítica da
linguaxe da ciencia e da metafísica.
Defensa de que toda linguaxe é metafórica, pretender o contrario é un
engano.
-
Positivista o ilustrado. Período de transición no que conclúe que é
imposible o renacemento dunha cultura clásica baseada nas traxedias e nos
mitos. Defende a ciencia porque da lugar
a un tipo de pensamento non fanático, acorde co espírito libre. Utilización do método xenealóxico para
criticar a moral.
-
Madurez.
As obras teñen forma profética (fala do que necesariamente
sucederá). Culmina a crítica ós valores
morais. Temas: superhome, eterno retorno,
vontade de poder. Obras: Así falou Zaratustra, Máis alá do ben e do
mal, A xenealoxía da moral, O crepúsculo dos ídolos.
Influencias fundamentais:
-Schopenhauer. No seu primeiro período ensalza a figura de
Schopenhauer por ser crítico co punto de vista predominante e coas
institucións. Defende que toda filosofía
feita con seriedade é necesariamente crítica.
-Wagner: Buscaba un renacemento da cultura tráxica que
ten como modelo a traxedia grega da época clásica e os mitos gregos. Defende a creación de novos mitos porque a
carencia deles da lugar a ausencia de sentido da vida e a seres humanos
desarraigados que se refuxian na ansia de posesións e de dominio. Nietzsche asume estas ideas na súa primeira
etapa, pero na segunda rompe con Wagner porque chega a velo como unha persoa
perfectamente acomodada á súa época e porque conclúe que xa non se poden
acoller as creacións artísticas como o aglutinante da cultura, senón só dende
un punto de vista estético e en definitiva frívolo (resulta inútil querer crear
novos mitos).
O MÉTODO XENEALÓXICO
Mediante o método xenealóxico leva a cabo a crítica ós valores morais. A obra máis representativa desta crítica é Xenealoxía da moral. Este método consiste na investigación da
orixe dos valores morais. Sérvelle para
clarificar a base non moral da moral, o feito de que a orixe dos valores son
impulsos en si mesmos non valiosos. O
que conclúe Nietzsche é que iso lles resta relevancia. Pero este argumento é tramposo: Por que algo que nace do irrelevante ha de
ser irrelevante?
Todo o que se
presenta como elevado e trascendente –todo valor- non é máis que o producto,
por sublimación, de factores humanos “demansiado humanos” (Humano demasiado humano é o título dunha das obras nas que
Nietzsche comeza a crítica ós valores morais).
As razóns humanas para obrar non son máis que dúas:
-Conservarse.
-Procurarse
pracer e evitar a dor.
Son os
motivos sobre os que se asenta a moral.
O método
xenealóxico leva a Nietzsche a falar dunha moral primixenia, presente en
tódalas culturas: Detrás da distinción entre o moralmente bo e o moralmente malo
está a distinción, levada a cabo en tódalas culturas, entre nobre e
plebeo. E esta distinción non é máis que
a designación da distinta estima de si:
O nobre ten boa estima de si, mentres que o plebeo non se estima a si
mesmo. Nobre equivale a forte, decidido, valente; plebeo equivale a feble, indeciso, cobarde. En base a esta distinción establécese a moral
primixenia, aristocrática (dos mellores), na que se identifica bo con nobre e
malo con plebeo. Deféndense as virtudes
dos fortes: o orgullo, a audacia...
Os plebeos poden ser perigosos cando se agrupan e pasan ó
ataque (se rebelan). A rebelión pode ser
corporal (rebelión dos escravos) ou espiritual: Cristianismo.
O
cristianismo foi unha rebelión espiritual dos febles, que logrou suplantar as
virtudes altivas da forza polas virtudes baixas da humildade e a
tolerancia. Levou a cabo a
transvaloración dos valores: A moral
cristiá, que é o núcleo da moral occidental, nace do impulso do
resentimento. Os febles e necesitados de
protección chamaron malo ó que para eles era ameazador: Ós fortes, e ás súas virtudes (desconsideración,
orgullo, audacia, desocupación, complacencia no derroche...) denomináronas
vicios. As actitudes e comportamentos
que non eran máis que consecuencia das debilidades dos febles: humildade,
compaixón, laboriosidade, obediencia... foron denominadas virtudes, auténticos
valores.
A arma dos febles
é mover á compaixón, sentimento que Nietzsche despreza por defender que cada
cual ha de sosterse a si mesmo coas súas propias forzas. Con isto contraponse a Schopenhauer, para
quen a compaixón é o motor da moral.
-A transvaloración dos valores proposta por Nietzsche.
Quere
contribuír á instauración dun novo estado de ánimo: o do espírito libre. Para iso fai unha defensa radical da
liberdade e a creatividade. Entende que
a capacidade de ser libre e creativo son as capacidades máis excelsas: as mellores e as que caracterizan ós
mellores. Considera que a democracia e
os movementos obreitos da súa época non promoven as características máis
sublimes do ser humano porque defenden a igualdade, o que provoca expectativas
imposibles de satisfacer e conduce á igualación por abaixo e non á promoción do
mellor e dos mellores. De modo que é
crítico coa democracia e cos movementos obreiros porque se contrapoñen á libre
expresión do espírito libre, porque afogan a expresión da xenialidade dos
mellores.
Fronte a
moral dominante Nietzsche vai propoñer unha nova moral baseada na defensa
incondicionada da vida: Que acepta
tódolos aspectos da vida dos individuos, - impulsos, desexos...- incluídos os elementos
tráxicos, que son unha compoñente fundamental de calquera vida humana. Defende que só aprobando e aceptando
incondicionadamente a vida é como se poden crear valores, mentres que facer o
contrario, partir da defensa dos valores, unicamente conduce a desprezar e non
aceptar a vida: Ó centrarse no ideal e
nunha suposta vida despois da morte négase a vida (nihilismo presente dende Platón e
fundamentalmente na moral cristiá, -Aurora,
A gaia ciencia, Así falou Zaratustra).
Nietzsche propón unha transvaloración dos valores: Consiste en ir máis alá da contraposición
entre virtudes e vicios e ser creador das propia virtude (“ser señor de si
mesmo sendo ó mesmo tempo creador das propias virtudes”). Para facelo hai que ser capaz de manter a
actitude do amor fati, é dicir, do amor a todo:
Á vida e tamén á falla de sentido que conleva. E para ser quen de manter esta actitude hai
que ser capaz de aceptar de maneira incondicional e absoluta cada
instante. A proba de que efectivamente
aceptamos cada instante de maneira incondicional e absoluta consiste en ser
capaz de querer que se repita eternamente.
Só o
superhome será quen de levar a cabo esta transvaloración dos valores. O superhome é un novo estado da
humanidade. Non hai que entendelo como a
evolución biolóxica do homo sapiens nin como un xenio ou un santo. Haino que entender en función do que é capaz
de facer e do estado de ánimo que mantén:
Da un si incondicional á vida asumindo o eterno retorno.
CRÍTICA DA CULTURA OCCIDENTAL: O NIHILISMO.
Nietzsche é
crítico dende o principio coa interpretación oficial da cultura
occidental. Nesa interpretación
considérase que a Antiga Grecia é unha cultura na que predomina a orde e a
harmonía (aspectos racionais). É dicir,
defínese como unha cultura apolínea. Así
o fixeran Schelling e Hegel. Nietzsche
arremete contra esta idea e pon de manifesto que en Grecia vivíase máis ben nun
espírito de desenfreno que se manifestaba en festas como as adicadas ó deus
Dioniso: O fondo cultural da Antiga
Grecia era dionisíaco.
A fusión
harmónica do apolíneo e o dionisíaco vaise romper coa influencia de Sócrates na
cultura grega. Con el xorde a aposta
clara pola razón, a interpretación da vida dende un punto de vista
racional. Sócrates é amigo do poeta
tráxico Eurípides, en quen inflúe. Así,
nas traxedias de Eurípides ponse de manifesto con claridade que deixarse levar
polas paixóns ten consecuencias desastrosas.
De modo que se rompe o equilibrio entre o apolíneo e o dionisíaco e
tómase partido polo apolíneo.
Platón continúa a
liña iniciada por Sócrates. O único
relevante é o racional: As Ideas son a
auténtica realidade, a razón ha de dominar ós desexos; desprezo dos aspectos
sonsibles (corpo, materia). O
cristianismo radicalizará a teoría platónica de desvaloración, sometemento e en
definitiva negación dos impulsos. Para o
cristianismo impulsos e desexos son problemáticos porque nos atan ó sensible e
nos despistan do verdadeiramente importante: a vida espiritual de respecto ós
mandamentos e cumprimento dos sacramentos para acadar a salvación na vida
eterna. O ideal de vida do cristianismo
é o ascetismo: Votos de castidade,
pobreza, obediencia. Trátase dun ideal
nihilista (defensa do que é nada), porque minusvalora completamente os aspectos
vitais. En definitiva: O cristianismo debilitou profundamente a
vontade de vida.
Na primeira etapa
do seu pensamento Nietzsche conclúe que a arte permítenos e axúdanos a vivir no
mundo tal e como é: só a arte pode
salvarnos.
O segundo período
de pensamento de Nietzsche é un período de transición: Humano
demasiado humano, Aurora, A gaia ciencia.
Neste momento criticará a arte e abogará pola ciencia, pero non para
defendela por si mesma, senón para criticar mediante ela a relixión, a
metafísica e a moral.
Crítica á
ciencia: Nietzsche segue defendento que
todo discurso é metafórico, polo que debemos aceptar e utilizar a linguaxe
metafórica, sen disfrazala. Ademais,
todo discurso depende de intereses. O
relevante é coñecer os intereses –a intención- que moven o discurso. Ademais critica a posibilidade da
obxectividade: Deus era o punto de
referencia absoluto, sen el desaparece a verdade e a obxectividade, só quedan
as infinitas perspectivas, a relatividade dos puntos de vista.
Anuncio da morte
de Deus:
Coa frase Deus morreu Nietzsche está poñendo de
manifesto un acontecemento histórico: que a cultura occidental do seu momento é
unha cultura atea. Ese ateísmo cultural
ten o seu inicio no Renacemento, que sustituíra a Deus polo ser humano como
punto de referencia de calquera investigación.
Non obstante, Nietzsche tamén destaca que o home europeo aínda non se
desarraigou verdadeiramente da antiga fe. O que desapareceu ou está en trance de desaparecer totalmente é a crenza en Deus. Deus deixa de vivir na conciencia dos homes, deixa de ser unha presenza viva. El era o referente abxoluto que permitía a obxectividade en filosofía e na ciencia e permitía tamén a fe relixiosa.
É o ateísmo un
suceso dramático? Culturalmente non o
foi. Si o foi para Nietzsche, que
defende que se non se ten en conta o aspecto dramático que contén o
acontecemeno non se pode asumir verdadeiramente o ateísmo. Con isto critica o ateísmo de autores como
Feuerbach e Marx, que defenden un ateísmo meramente optimista.
A morte de Deus é
un acontecemento liberador e humanizador por excelencia por varios motivos:
-Motivo ético: a hipótese de Deus é fundamento da moral
occidental e a moral somete e condena, debilita a vontade de vivir. A morte de Deus permite a liberación desa
moral de sometemento. Fronte a
postulación que Kant fai de Deus (quero
que haxa Deus), Nietzsche postula a ausencia de Deus (non quero que haxa Deus).
Con isto non defende a inmoralidade, senón unha moral absolutamente
nova, baseada na creatividade que di si á vida e permite a creación dos propios
valores.
- Motivo antropolóxico: A morte de Deus permite unha apaixoada
afirmación do ser humano. O home ha de
ser o único referente de valoración. El
é, así, o auténtico creador.
- Motivo teolóxico-ontolóxico: O home ten un desmedido desexo de ser. Sabe que non pode converterse en Deus, pero
pode chegar a ser un home novo. A morte
de Deus permite a aparición do superhome, que non ocupa o lugar de Deus, porque
con Deus desaparece o lugar que ocupa, trátase da aparición dun novo estadio da
humanidade no que se acepte a vida plenamente e se viva plenamente, de maneira
libre e creativa.
O nihilismo: a
negación de algo supostamente significativo, relevante.
Tipos de
nihilismo:
1.
Nihilismo do
cristianismo: nega a vida antepoñendo
valores supostamente trascendentes. É
malsano, porque a vida non ha de negarse senón aceptarse e vivirse plenamente.
2.
Nihilismo do último
home. É o nihilismo do home que asume a
morte de Deus, (nega a Deus) pero non asume completamente a morte de Deus
porque aínda é incapaz de crear novos valores.
É un nihilismo negativo.
3.
Nihilismo positivo ou
transnihilismo: O do superhome. Nega os valores tradicionais. Creador de novos valores. Manifesta amor e apego á vida e aceptación
plena do instante.
Superhome e eterno retorno:
Nietzsche coñecía a idea de eterno retorno propia da cultura tradicional grega, que refire ós ciclos da natureza (mito de Perséfone). Na súa xuventude entendía esta idea nada máis que como unha fantasía relixiosa. Pero no período de madurez daralle unha relevancia metafísica.
Nietzsche coñecía a idea de eterno retorno propia da cultura tradicional grega, que refire ós ciclos da natureza (mito de Perséfone). Na súa xuventude entendía esta idea nada máis que como unha fantasía relixiosa. Pero no período de madurez daralle unha relevancia metafísica.
Establece
dúas interpretacións do eterno retorno:
unha interpretación cosmolóxica e unha interpretación ética, que é a
máis importante.
Interpretación
cosmolóxica: A cantidade de materia e
enerxía do universo é limitada, pero o tempo é ilimitado, de modo que nese
tempo infinito sucederon xa algunha vez tódalas posibles combinacións de
materia e enerxía. Trátase dun intento
de fundamentar cientificamente a idea do eterno retorno. Non obstante, seguirá entendéndoa como unha
hipótese.
Se
aceptamos a hipótese do eterno retorno debemos aceptar o carácter infinito e
eterno de todo o sensible, que por tanto se basta a si mesmo.
No plano
ético o eterno retorno é unha incitación a vivir cada momento querendo que se
repita infinitamente sen que por iso tivera que asustarnos.
É unha idea
ambivalente porque pode converterese para o home nalgo insoportable, o máis pesado peso, e pode tamén
empuxalo a poñerse a ben consigo mesmo e coa vida.
Vista dende
o pasado, a teoría do eterno retorno é fatalista: parecería que o futuro está
xa decidido e que nada paga a pena. Pero
vista dende o futuro o eterno retorno convértese nun imperativo: O que
queiras quéreo de tal modo que poidas
querer o seu eterno retorno.
Só o
superhome é quen de asumir o eterno retorno:
Di Nietzsche que só un ser totalmente feliz podería querer que cada
instante se fixera eterno e se repetira ata o infinito. Só o superhome é capaz de dar un si
incondicional á vida e asumir o eterno retorno.
Iso é o que caracteriza ó superhome.
A VONTADE
DE PODER.
É unha idea
que se vai fraguando dende os primeiros escritos e atopa a súa orixe na idea de vontade de Schopenhauer e a súa raíz principal
na idea de espírito libre do segundo período de Nietzsche.
É a terceira doutrina metafísica das obras do terceiro período (as outras dúas son o superhome e o eterno
retorno).
Non hai que
entender a vontade de poder distinguindo entre vontade e poder, como se
a vontade quixese obter poder. Haina que
entender como poder de poder, poder que atopa alimento non fora de si, senón en
si mesmo.
Nietzsche está
desprazando completamente o punto de referencia dende o obxecto á intención do
suxeito. Non importa a obxectividade,
porque non é posible; importa a intención da acción. E ela bástase a si mesma.
A vontade de
poder é ante todo vontade de poder sobre un mesmo. E para que unha persoa teña poder sobre si
mesma é necesario que recorde a forza creadora –o poder- que mora nela mesma.
O poder, como
fonte da forza creadora non pode ser representado, nin interpretado, nin
valorado. Só o poder pode representar,
interpretar, valorar. Ó desaparecer
completamente a distinción entre o verdadeiro e o falso aparece a parella sentido-valor: Non se trata de coñecer a verdade, senón
o sentido e o valor de algo. Só ten
valor o querer, e se ese querer é completo é o que soporta o eterno retorno e o
imperativo que leva consigo (o que
queiras quéreo de tal modo que poidas querer o seu eterno retorno). Cando algo quere e quere absolutamente,
está actuando en base á vontade de poder, non en función de forzas reactivas
senón en función de forzas activas. Toda
forza reactiva (toda reacción) depende de debilidades, en cambio as forzas
activas dependen do poder. Buscar a
compaixón, por exemplo, é actuar en base a forzas reactivas. O resentimento
tamén é unha forza reactiva. Polo
contrario, actuar en base á vontade de poder destrúe calquera debilidade que
haxa en nós.
Nietzsche utiliza
tres metáforas para entender as forzas activas e as reactivas:
-Camello: é un
animal que soporta as condicións máis duras.
Representa a forza reactiva da moral tradicional (que somete e condena e
polo tanto debilita a vontade de vivir, en lugar de aceptar a vida e vivila). A súa máxima é ti debes.
-León: Representa á moral que se guía pola seguinte
máxima, eu quero. É unha forza activa pero non
absolutamente porque aínda loita contra o ti
debes.
-Neno: representa
o querer absoluto, a forza activa completa, o querer completo, o santo dicir si; o si incondicional á
vida.
A vontade de
poder, ademais de ser (1) vontade de poder sobre un mesmo, é (2) elevación dun
mesmo, e (3) clave xeral para interpretar tódolos procesos físicos e
biolóxicos.
(1) É vontade de
poder sobre un mesmo para que cada persoa sexa dona de si mesma sendo ó mesmo
tempo dona das súas propias virtudes.
(2) Elevación dun
mesmo: só cabe conservarse e permanecer tendendo
á propia elevación, á superación, o que
se incrementa consérvase, o que unicamente desexa a propia conservación
sucumbe.
(3) Clave xeral
para interpretar tódolos procesos físicos e biolóxicos do mundo: Non se debe interpretar o mundo utilizando os
conceptos da metafísica tradicional: verdade, beleza, ben, porque dependen da
crenza na obxectividade. Hainos que
interpretar en base á intención que os move:
A vontade de superarse, a creatividade? ou o mero afán de conservarse?
Conclusión: A filosofía de Nietzsche é unha filosofía
subversiva.
A nota máis
indiscutible da filosofía de Nietzsche é o seu carácter suspicaz, desconfiado,
crítico, fustigador. A súa crítica á
cultura occidental levou a consideralo, xunto a Marx e Freud, un dos filósofos da
sospeita. Marx incidiu en que o motor da
historia non é o coñecemento senón a loita de clases. A infraestructura
material (economía) é o soporte de calquera construcción espiritual (filosofía,
moral, relixión...) e non á inversa, e calquera construcción espiritual é unha
ideoloxía que defende uns determinados intereses de clase. Freud pola súa banda puxo de manifesto como
gran parte da nosa conducta non está motivada conscientemente e por tanto non
pode considerarse racional, con isto da lugar a unha nova consideración do ser
humano, apartada da clásica definición que nos caracteriza como animais racionais.
Nietzsche critica
á cultura occidental en tanto esta se construíu sobre un soporte de tres partes
non necesariamente coherentes entre si:
-A metafísica,
orixinada en Grecia como modelo de discurso conceptual.
-O cristianismo
como discurso moral dominante.
-A ciencia como
modelo de verdade dende a modernidade.
A
metafísica: A súa fundación por obra de
Sócrates e sobre todo de Platón impuxo a negación do equilibrio entre o
apolíneo e o dionisíaco dando relevancia exclusiva ós aspectos apolíneos. Nietzsche reivindica a recuperación do
equilibrio entre ambos. A filosofía e a
moral occidentais constuíron unha gran ficción metafísica e moral para librar ó
ser humano da inseguridade da existencia.
A moral tradicional é froito do resentimento e da covardía ante a vida,
que debilita a vontade de vivir. É unha
moral de submisión baseada no mundo ideal platónico e no deus
xudeocristián. Frente a esta moral, o
ser humano ha de situarse por riba do ben e do mal creando os seus propios
valores, fieis á vida e á propia creatividade e autosuperación.
Fronte a ciencia,
Nietzsche reivindica a pluralidade de discursos e de perspectivas. Avoga por coñecer a intención dos
discursos: Quen o di?, dende onde?, para
que? Defendendo a liberdade e a
creatividade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario